O servizo dixestivo de Ourense desenvolve 3 proxectos de investigación

O servizo dixestivo de Ourense desenvolve 3 proxectos de investigación

Investigaran aspectos relacionados co cancro colorectal, as enfermidades inflamatorias intestinais e o cancro gástrico

Tres proxectos de investigación nos que participa o Servizo de Dixestivo da Área Sanitaria de Ourense veñen de recibir sendas bolsas FIS, o prestixioso Fondo de Investigación en Saúde do Instituto de Saúde Carlos III (ISCIII) que, ademáis de financiación representan unha garantía de rigor e calidade da investigación, polo que ano tras ano recaen nas institucións sanitarias máis prestixiosas do estado.

Joaquín Cubiella, Pablo Vega e Sara Zarraquiños, especialistas do servizo con recoñecido perfil investigador son os responsables principais do desenvolvemento en Ourense destes tres estudos que investigaran aspectos relacionados co cancro colorectal, o cancro gástrico e as súas lesións preneoplásicas e coas enfermidades inflamatorias intestinais.

¿Colonoscopia ou Test?

En concreto, Joaquín Cubiella dirixe "Polyprev" ensaio clínico de ámbito poboacional que pretende avaliar cal é o método de control mais eficaz para a vixilancia periódica dos pacientes do cribado poboacional aos que se detectaron e extraeron pólipos colorrectais avanzados, é dicir con risco de malignidade.

Na actualidade, para o seguemento da evolución destes pacientes, prográmase unha colonoscopia periódica, o que xera un volume asistencial crecente -moi especialmente nas comunidades con programa de cribado- ao ter cada vez un maior número de pacientes en vixilancia. Sendo 1 de cada 4 colonoscopias de control.

Ao longo dos próximos dez anos, este estudio tentará demostrar que a realización anual dun test de sangue oculta en feces é igual de efectiva que a vixilancia con colonoscopias, co que se evitarían multitude de probas reducindo tamén riscos e molestias para os pacientes. Non menos importante, este seguemento no tempo permitirá coñecer mellor aos pacientes.

Segundo explicou Joaquín Cubiella "nos próximos tres anos, analizaremos o efecto da actividade física e o estilo de vida na detección de pólipos avanzados en 3.800 pacientes, que se incluirán no estudio nos vindeiros dous anos, e realizaremos un estudo que avaliará os valores e preferencias dos pacientes respecto a vixilancia endoscópica e as súas alternativas" -dixo– "co que os resultados do estudo serán extremadamente relevantes" subliñou.

Un ambicioso rexistro nacional do cancro gástrico

Sara Zarraquiños é a responsable en Ourense dun ambicioso proxecto, liderado pola investigadora de orixe galego Leticia Moreira, do Servizo de Gastroenteroloxía do Hospital Clínic de Barcelona, e que pode supoñer un revulsivo no manexo do cancro gástrico no noso país. Con menos incidencia que o colorectal -100 novos casos ao ano na nosa Área Sanitaria- ten lamentablemente unha elevada mortalidade, derivada da súa detección tardía, ao non existir na actualidade programas de cribado ou fórmulas eficaces para o seu diagnóstico precoz.

O EpiGASTRIC/EDGAR permitirá crear o primeiro rexistro nacional de pacientes con cancro gástrico e lesións preneoplásicas gástricas (ou de inicio do cancro). O seu obxectivo é estudar a prevalencia destas lesións no noso país, así como investigar os factores de risco xenético e ambiental, que poidan estar implicados non seu desenvolvemento.

O proxecto será o punto de partida para afondar no coñecemento desta grave patoloxía oncolóxica, na procura da súa detección precoz e a redución da mortalidade. Para elo, segundo explicou Sara Zarraquiños, desde o próximo mes de novembro convidarán a participar a pacientes que se vaian a realizar unha gastroscopia. O obxectivo é seleccionar dous grupos: un de pacientes con cancro gástrico, ou lesións previas, e outro, de control, con persoas sen patoloxía gástrica.

Sara Zarraquiños explicou que grazas a participación dos pacientes de Ourense, xunto aos do resto de país, os investigadores recopilarán información de gran utilidade clínica, tanto mediante o coñecemento dos seus antecedentes familiares ou persoais, como a través da recollida de mostras biolóxicas (sangue, superficie lingual e/ou zume gástrico aproveitando a realización da gastroscopia). Para a Dra. Zarraquiños "a identificación de factores de risco clínicos ou biolóxicos axudaranos a mellorar a estratexia para a prevención e diagnóstico precoz dás lesións gástricas" e destacou que podería ser clave para dispoñer de "biomarcadores e detectar lesións incipientes".