Roberto Quiroga, novo responsábel do Consello Comarcal do BNG

Quiroga asume a responsabilidade comarcal para dirixir a un equipo «que afronte os importantes retos que Valdeorras ten ante si»

A Asemblea Comarcal do Bloque Nacionalista Galego de Valdeorras vén de rematar o proceso de renovación da dirección comarcal coa elección por unanimidade dun novo Consello Comarcal que, a partir de agora, pasa a estar encabezado por Roberto Quiroga López, que sucede no cargo a Xesús Vilasánchez, concelleiro no Barco de Valdeorras.



Quiroga ten unha longa traxectoria no nacionalismo. Foi concelleiro na Rúa e xa ocupara a máis alta responsabilidade comarcal nun período anterior. Agora fará parte tamén do Consello Nacional do BNG como representante de Valdeorras. Tras a súa elección amosou o seu agradecemento para coas compañeiras e compañeiros que o elixiron así como a súa disposición a traballar arreo polo interese de Valdeorras.

Non se lle escapa ao novo responsábel comarcal que «estamos nun intenso momento político no que o primeiro e inmediato grande reto é afrontar as próximas eleccións galegas do 5A destacando que o proxecto do BNG é o que se ten amosado máis eficiente para transformar realidades». Quiroga tamén lembrou que, como sinalou a portavoz nacional Ana Pontón en días pasados «é na circunscrición de Ourense onde nos xogamos a posibilidade dunha mudanza real para o país».

O renovado órgano comarcal pasa a estar composto por 10 persoas que representan distintas localidades e tamén un amplo espectro de profesións, intereses e vinculacións sociais. Xosé Xesús Vilasánchez Feijoo é agora o responsable de sanidade.