O proxecto "OU-Intelixente" inicia a súa andadura en Valdeorras

Os municipios de A Rúa, A Veiga, O Barco, Carballeda de Valdeorras, Larouco, O Bolo, Petín, Rubiá e Vilamartín serán os primeiros dos 81 concellos da provincia en beneficiarse da instalación de telecontadores

A delegación da Deputación de Ourense en Valdeorras, na Casa Grande de Viloira, realizou un acto informativo do proxecto “OU-intelixente”, presentado pola Deputación a través da empresa mixta AquaOurense (formada pola propia institución provincial e Viaqua). Participou o presidente provincial, Luís Menor, xunto co director da Área de Medio Ambiente da Deputación, Javier Bobe; así como Víctor Comesaña, xerente de AquaOurense.

Á cita acudiron representantes municipais da Rúa, A Veiga, O Barco, Carballeda de Valdeorras, Larouco, O Bolo, Petín, Rubiá e Vilamartín, municipios que serán os primeiros dos 81 concellos da provincia en beneficiarse da instalación de telecontadores e a dixitalización dos sistemas de abastecemento e depuración.

No acto quedou de manifesto que “OU-intelixente” converteuse na segunda mellor proposta de España e a primeira de Galicia para dixitalizar a xestión do ciclo da auga, o que suporá contar con 7,75 millóns de euros para aplicar as últimas tecnoloxías ao tratamento e control dun recurso básico e estratéxico como é a auga.

A Deputación destina a este proxecto 5,73 millóns de euros, asumindo así o 42,52% do financiamento total, mentres que do resto do investimento farase cargo o Ministerio para a Transición Ecolóxica do Reto Demográfico (MITECO), dentro da primeira convocatoria específica dos Fondos Next Generation asociada ao PERTE de dixitalización da auga.

Outro apartado deste proxecto é a automatización das instalacións de depuración, mediante equipos que permitan controlar en todo momento a cantidade e calidade das verteduras. Este mesmo proceso realizarase para dixitalizar as instalacións e funcionamento do abastecemento de auga potable, así como redes de distribución do Consorcio de Valdeorras.

No caso dos técnicos explicaron polo miúdo as características deste proxecto para dixitalizar o ciclo da auga nos municipios da provincia, con especial detalle nos nove concellos da comarca de Valdeorras.

Citaron como obxectivos estratéxicos os seguintes: a automatización do ciclo da auga coa implantación da telelectura e telecontrol; a creación dun centro dixital para a xestión integral da operativa da auga; dotar aos concellos do rural de ferramentas dixitais; e a implantación dun hub tecnolóxico onde integrar datos e realizar predicións grazas ao Big Data e Intelixencia Artificial, converténdoo nun lugar aberto á cidadanía e un espazo de co-creación co ecosistema emprendedor da provincia.