Os primeiros pacientes estrean hoxe o novo TC espectral do CHUO

Os primeiros pacientes estrean hoxe o novo TC espectral do CHUO

O salto tecnolóxico será especialmente beneficioso para os estudos oncolóxicos e de corazón xa que ademais de maior precisión aporta información funcional

O Servizo de Radioloxía do Hospital Universitario de Ourense estrea hoxe, cos seus primeiros pacientes, o novo Tomógrafo Computerizado (TC) de tecnoloxía espectral, o último gran avance na imaxe diagnóstica o que supón pasar a imaxes en catro dimensións, cun altísimo contraste información funcional, un antes e un despois na capacidade diagnóstica da sanidade pública de Ourense.

O TC espectral, con dobre fonte de enerxía, permite diferenciar os tecidos  segundo a súa composición, o que amplifica as sutís diferenzas de densidade entre tecidos normais ou patolóxicos, facilitando a detección de pequenas lesións tumorais e a súa caracterización e identificación tisular, o que suporá un importante avance no diagnóstico e seguemento dos pacientes oncolóxicos.

Ademais de mellorar a precisión, o novo equipo aporta información funcional dos órganos e tecidos, co que pode detectar alteracións no seu funcionamento,  especialmente útil nos estudos cardiolóxicos ou da vascularización dos tumores. Neste eido, tamén poderán traballar con biomarcadores, ou mapas de iodo, que permitirán unha mellora na detección temperá de lesións tumorais e na súa monitorización, prevendo e avaliando a resposta ante os tratamentos oncolóxicos.

Para Purificación Pardo, xefa de Sección de Radiodiagnóstico no Hospital Universitario de Ourense, con ampla experiencia na unidade de imaxe tomográfica, o novo equipo supón un salto cualitativo, especialmente útil para o diagnostico da patoloxía oncolóxica e a cardíaca, xa que aporta un novo nivel de información, morfolóxico ou anatómico pero tamén funcional.

Avance no estudo dos tumores e do corazón

Coa nova ferramenta de intelixencia artificial “ábresenos a posibilidade de acceder a numerosos programas que facilitan a nosa labor diagnóstica“  dí a doutora Pardo, que destaca que o TC espectral pode elaborar “estudos virtuais” sobre imaxes reais adquiridas, o que permite evitar algúns pasos nos estudos, por exemplo a fase basal sen contraste. “todas as exploracións serán moito máis rápidas e poderemos reducir de forma significativa a radiación” o que beneficiará especialmente a pacientes oncolóxicos e pediátricos”.

A rapidez na adquisición de imaxes permite realizar estudos cardiolóxicos e dos vasos coronarios con gran detalle, obtendo, por exemplo, unha imaxe completa do corazón en menos dun latexo. Esta rapidez reduce ao mínimo as posibles alteracións da imaxe debidas ao movemento ou presenza de implantes metálicos, e aumenta a súa calidade, clave para estudos de pacientes inestables, das unidades de críticos ou Urxencias.

“Vamos a poder asumir un amplo espectro de estudos cardiolóxicos, non só da perfusión, do miocardio, tamén das áreas de infarto, cunha nitidez equiparable case a da resonancia” avanza a doutora Pardo, que destaca o avance moitos eidos, desde os estudos pulmonares, aos de fígado, páncreas, colon, das vías biliares, renais ou de urolóxicos grazas a posibilidade de determinar o tipo de litiasis.