Preto do 80% das profesionais da Sanidade Pública de Ourense son mulleres
Nos tres hospitais públicos as mulleres representan o 79,5% do seu persoal. A súa presenza é maioritaria en case todas as categorías profesionais representando a algunhas delas con mais do 90%.
Con preto do 80% do seu cadro de persoal composto por mulleres, e presenza maioritaria nos centros de saúde, hospitais e na práctica totalidade de profesions, servizos asistenciais e na dirección, a Área Sanitaria de Ourense, Verín e O Barco de Valdeorras celebra hoxe o Día Internacional da Muller e súmase aos obxectivos das Nacións Unidas neste 70 aniversario.
Este día ten por obxectivo promover a igualdade, o liderado da muller e a eliminación de calquera discriminación, para conseguir a súa plena participación na sociedade nas mesmas condicións que os homes, e anima a fomentar accións que contribúan a mellorar e afianzar estes avances.
A presenza da muller no sector saúde é unha conquista social que crece de ano en ano, rompendo barreiras de especialidades e profesións, ata chegar a unha participación maioritaria. Na nosa Área Sanitaria as mulleres representan o 60% das facultativas sanitarias, e teñen presenza en todas as especialidades médicas, incluso algunhas que, hai só uns anon non tiñan presenza feminina, como por exemplo uroloxía ou traumatoloxía.
Igualmente son maioría as mulleres especialistas hospitalarias, o 57,5%; as de medicina familiar e comunitaria, o 58,3%; ás de urxencias 58%, as especialistas en formación (MIR) 68%, as pediatras e farmaceúticas de atención primaria, respectivamente o 84% e o 83%, e tamén as que participan na xestión, desde o equipo directivo, onde representan o 70%.
En paralelo, algunhas como a enfermería, que desde a súa orixe se consideraba unha profesión "feminina" ten cada vez maior presenza de homes, cun 86,18% de mulleres, fronte a mais dun 95% de hai uns anos.
Na cara oposta unha das profesions ocupada maioritariamente por homes feminízase progresivamente, sendo mais da metade dos celadores mulleres: o 57%. En Atención Primaria tamén é maioría o Persoal de Servizos Xerais (PSX) onde chegan ao 75%.
Por categorías profesionais a maior porcentaxe de persoal feminino é a de Tecnicos de Coidados Auxiliares de Enfermería (TCAE), practicamente formado integramente por mulleres: o 96,75% con só 34 homes entre mais de mil mulleres.
Nos Puntos de Atención Continuada (PAC) a presenza da muller é maioritaria, cun 63,50% de presenza. A distribución de persoal feminino e masculino nos catorce PAC en funcionamento na nosa provincia varía entre o 27% de mulleres do de Castro Caldelas ao 81% do de Ourense, sendo maioría en 10 dos 14 dispositivos.
Fronte a realidade cotía feminina na asistencia á poboación, que repítese nos 64,5% dos centros de saúde da provincia, cobra valor de excepción a composición totalmente masculina do persoal de catro deles: Castrelo do Val, Cenlle/Barbantes, O Irixo e Petín.