Petín e Quiroga aprenderán a consumir de forma responsable tamén no verán

Os dous concellos están entre as localidades ás que chegará durante o que resta de agosto «Veráns de Lecer Consumo», con actividades gratuítas para achegar á infancia e á mocidade os seus dereitos como consumidores

Petín e Quiroga serán dúas das localidades polas que pasará durante o que resta de agosto a campaña «Veráns de Lecer Consumo», unha iniciativa da Xunta que aproveita as actividades estivais para achegar aos máis novos conceptos como o consumo responsable, a publicidade, os dereitos das persoas consumidoras ou os riscos e oportunidades do consumo na rede.

O programa, impulsado polo Instituto Galego do Consumo e da Competencia, chegará nas próximas semanas a arredor de 25 localidades das catro provincias, entre elas Petín, na provincia de Ourense, e Quiroga, na de Lugo.

As propostas son gratuítas e están adaptadas ás diferentes idades. Para os máis pequenos, de 3 a 6 anos, está prevista a actividade «Xogueteando: un lecer diferente», mentres que os rapaces de 7 a 12 anos poderán participar na «Xincana do consumo responsable».

A programación complétase con outras actividades como «Publicistas por un día», obradoiros sobre os dereitos das persoas consumidoras e propostas relacionadas especificamente co consumo dixital, buscando que nenos e mozos aprendan a tomar decisións máis conscientes tamén cando utilizan internet.

«Veráns de Lecer Consumo» desenvolve ao longo de toda a campaña máis de 255 actividades en 91 concellos galegos, coa previsión de chegar a máis de 5.800 participantes.

Durante o que queda de agosto, ademais de Petín e Quiroga, as actividades pasarán por municipios próximos como A Pobra do Brollón, así como por outras localidades das catro provincias galegas.

A campaña forma parte do traballo educativo que desenvolve durante todo o ano a Escola Galega do Consumo. Só durante o primeiro semestre de 2026, os seus diferentes programas chegaron a preto de 16.300 persoas en Galicia.