O salón de actos do Otero Pedrayo pasará a chamarse «Fuxan os Ventos»

Varios dos integrantes do grupo de música tradicional galega asistirán á festa de inauguración do vindeiro 22 de febreiro

O novo salón de actos do CEIP Otero Pedrayo de Viloira pasará a chamarse «Fuxan os Ventos». Varios integrantes do grupo lucense visitarán Valdeorras para participar na festa de inauguración do recién reformado salón. A directora do centro, Remedios Arias, afirmou sentirse moi agradecida coa colaboración, «porque supón unha oportunidade única para os alumnos, que terán contacto directo coa música tradicional galega, sobre a que traballan durante todo o curso, porque considerámola un pilar fundamental da súa educación».

Os actos terán lugar o próximo 22 de febreiro. «A idea é festexar un cambio importante para nós no colexio e invitar a toda a comunidade educativa a que o vexa», conta a directora. E dentro desa comunidade, tamén contarán coa visita de antigas profesoras do centro «coma a mamá da profesora Ana, que xa pasa dos 90 anos e virá coma invitada».

Varios membros de Fuxan os Ventos interpretarán no escenario do renovado salón de actos, un total de catro cancións. A modo de resposta, tódolos nenos e nenas do colexio, dende os tres anos ata sexto de primaria, «cantarán tamén unha canción que levan moito tempo ensaiando», avanzou a directora. «En agradecemento aos músicos e en pro da música das nosas raíces», a partires dese día, o salón de actos do centro «levará o nome do grupo que tantos valores representa para nós e o noso alumnado».