viernes. 19.04.2024

A número uno da lista do Partido Popular pola provincia de Ourense para as eleccións do 25-S, Marisol Díaz Mouteira, pediu a implicación e mailo esforzo de todos os afiliados e simpatizantes populares de Valdeorras co obxectivo de que “o PP asegure co seu oitavo deputado a presenza de Valdeorras no Parlamento de Galicia”. Esta foi a mensaxe que Díaz lanzou aos interventores e apoderados do partido no Barco, na reunión que mantiveron na sede popular coa presenza do tamén candidato Moisés Blanco e do secretario xeral do PP ourensán, Rosendo Fernández.

Marisol Díaz subliñou que o Partido Popular amosou sempre o seu compromiso con Valdeorras, “poñendo como formación política todos os medios ao noso alcance para garantir que a comarca tivera a representación que ben merece nas institucións públicas”.

A candidata tivo palabras para o seu compañeiro de lista, Moisés Blanco, ao que felicitou polo traballo feito nesta lexislatura a prol de Valdeorras “e que sen dúbida algunha seguirá a facer, con máis intensidade aínda, nos próximos catro anos, e neste obxectivo vos xogades un papel moi importe”, dixo referíndose aos apoderados e interventores.

Moisés Blanco agradeceu as palabras de Díaz, engadindo que a pasada lexislatura “foi altamente positiva para Valdeorras, pois os asuntos principais que nos afectan estiveron presentes no Parlamento e na política da Xunta”. Así, lembrou as medidas de impulso e promoción para o sector da lousa, o constante apoio aos viticultores, a baixada do prezo das parcelas do Parque Empresarial da Raña ou as melloras no hopital coa instalación dun novo TAC, novas especialidades e a ampliación da carteira de servizos. Tamén citou a petición de declaración de festa de interese turístico de Galicia para a Festa do Botelo, o recoñecemento na nova Lei do Patrimonio Cultural de Galicia ao Camiño de Inverno como ruta oficial ou a petición do impulso a construción da A-76 entre Ourense e León.

O secretario xeral do PP de Ourense, Rosendo Fernández, cualificou entre tanto como clave o traballo dos interventores e apoderados, aos que pediu tamén “un esforzo adicional nestas eleccions, nas que nos xogamos continuar co progreso en Galicia e en Ourense fronte aos populismos e experimentos que non precisamos”.

“Cantos máis interventores e apoderados teña partido mellor resultado pode alcanzar nunhas eleccións –sinalou Fernández- e o Partido Popular ten esa forza porque é unha formación en permanente dinamismo e actividade, ao contrario doutros partidos que só se movilizan en campaña electoral”.

Marisol Díaz: “O PP vai asegurar co seu oitavo deputado a presenza de Valdeorras no...