Manuel Pardo destaca o dispositivo invernal da Xunta para garantir a seguridade viaria en Ourense

O delegado territorial supervisou no Centro COEX os traballos do Plan de Vialidade Invernal e chamou á prudencia dos condutores ante a climatoloxía adversa

O delegado territorial da Xunta en Ourense, Manuel Pardo, supervisa os traballos que están a desenvolver os operarios da Administración autonómica a prol da seguridade viaria dos condutores na época invernal.

Pardo desprazouse ao Centro de Conservación da Xunta en Ourense (COEX) para coñecer de primeira man o funcionamento do dispositivo posto en marcha para garantir a vialidade das estradas autonómicas ante episodios de neve, xeo, choivas intensas e vento forte, frecuentes nesta época do ano.

Durante a visita, o delegado territorial trasladou aos operarios «os parabéns do Goberno galego polo traballo exemplar» que están a realizar no marco do operativo invernal, no que se coordinan medios humanos e materiais para manter as vías en condicións de seguridade. Pardo destacou tamén a boa coordinación existente co resto das administracións —Estado, Deputación Provincial e concellos—, unha colaboración que cualificou de «clave para asegurar a seguridade viaria da cidadanía en situacións meteorolóxicas extremas».

O representante da Xunta lembrou que o Plan de Vialidade Invernal, dependente da Consellería de Vivenda e Planificación de Infraestruturas, está operativo desde o pasado 1 de novembro e manterase activo ata o 30 de abril. Neste contexto, fixo unha chamada á responsabilidade dos condutores para que extremen as precaucións ao volante, adapten a velocidade ás condicións da vía e sigan as recomendacións das autoridades.

 Na provincia de Ourense, a Xunta dispón de cinco centros operativos de conservación e explotación, dotados con máis de 2.000 toneladas de fundentes. O dispositivo conta con 77 profesionais e 49 máquinas, entre camións, vehículos pick-up, retros, cuñas, follas quitaneves, esparexedores de sal e estendedores de salmoira.

Manuel Pardo supervisa en Ourense o dispositivo da Xunta para o inverno nas estradas

Ourense é a provincia galega con maior número de estradas autonómicas sensibles á neve e ao xeo, cun total de 81 vías que suman 1.026,56 quilómetros. Deles, arredor de 410 quilómetros son especialmente vulnerables aos fenómenos meteorolóxicos adversos pola súa altitude, superior aos 600 metros.

O Plan de Vialidade Invernal inclúe medidas preventivas e paliativas destinadas a anticiparse ás incidencias e a reforzar a seguridade viaria, así como protocolos de vixilancia continua das estradas e sistemas de información á cidadanía a través de paneis informativos, internet, o teléfono e a colaboración co 112 e a DXT.

Con este operativo, a Xunta busca garantir que a mobilidade non se deteña nos meses máis duros do inverno, combinando medios técnicos, coordinación institucional e un chamamento á prudencia, clave para que a seguridade viaria sexa unha responsabilidade compartida entre administracións e condutores.