Intelixencia Artificial para abordar o covid persistente
O proxecto inclúe, entre outras cousas, o estudo da atención e a memoria de pacientes con covid persistente a través de xogos no móbil. Xa está en marcha o recrutamento de pacientes a través da unidade de covid persistente do CHUO
O conselleiro de Sanidade, Julio García Comesaña, remarcou hoxe, no acto de presentación do Proxecto Coperia, que se trata dunha iniciativa “moi potente a nivel sanitario, pero tamén tecnolóxico, xa que reflicte a implicación de diversas empresas do sector, que contribúen a xerar retorno no tecido empresarial”. Para o máximo responsable do Sergas, “é un traballo novidoso, pioneiro en Galicia, e que pon ao servizo da cidadanía as ferramentas máis punteiras”.
Segundo remarcou o conselleiro no acto, ao que tamén asistiu o xerente da área sanitaria, Félix Rubial, “as secuelas da covid supoñen un desafío ao que temos que facer fronte, e este proxecto servirá de estímulo para seguir avanzando na súa abordaxe”.
Comesaña salientou o esforzo que permitiu dotar a esta iniciativa dun orzamento de máis de 700.000 euros, coa conseguinte implicación da Axencia Galega de Innovación, co cofinanciamento do programa operativo Feder Galicia 2014-2020, no eixo REACT-UE, como parte da resposta da Unión Europea á pandemia da covid-19. Unha liña de axudas orientada a apoiar proxectos de I+D+i, relacionados coa covid-19 e orientados ao dobre obxectivo de facer fronte á pandemia e contribuír á transición dixital das empresas, especialmente das pemes, favorecendo así a recuperación económica de Galicia, en colaboración cos hubs de innovación dixital galegos Dihgigal e Datalife.
Segundo sinalou o responsable da sanidade pública galega, o apoio á investigación sanitaria é fundamental para desenvolver proxectos como este. Así, Coperia non podería entenderse sen o traballo conxunto de diversas organizacións ás que Comesaña agradeceu o seu labor, e que se traduce nunha plataforma que axuda a cribar pacientes con covid persistente así como acceder a novas ferramentas de rehabilitación personalizada e, que, ademais, facilita a xestión diaria destes pacientes.
Na súa intervención, o titular da carteira sanitaria destacou o traballo do doutor Alejando García, investigador principal, e o labor da unidade de covid persistente do CHUO, “cun papel fundamental no recrutamento dos pacientes así como do resto do persoal sanitario implicado”. Comesaña remarcou que estas unidades multidisciplinares postas en marcha por parte da Xunta “proporcionan un maior coñecemento dos efectos da enfermidade a medio e longo prazo, e, ademais, facilitan unha maior asistencia sanitaria”.
Segundo o conselleiro, Coperia promove o empoderamento dos pacientes con covid persistente “a través de ferramentas que lles resulten útiles no seu día a día”. Entre estas ferramentas destaca o uso de xogos que maximizan o seu adestramento, no tocante á rehabilitación cognitiva.
Tamén destaca no proxecto un sistema innovador que contribúe á monitoraxe en remoto, de cara á rehabilitación física, evitando en moitas ocasións desprazamentos ao centro hospitalario. Aprendéndolles incluso a reportar na plataforma un evento de fatiga para, deste xeito, traballar na predición do umbral de exercicio que pode producirlles ese episodio.