Falecida unha nena de 11 anos en Ourense con sospeita de infección meningocócica
A Consellería de Sanidade confirmou o falecemento dunha nena de 11 anos en Ourense con sospeita de infección meningocócica invasora, unha enfermidade grave de orixe bacteriana.
Ante esta situación, activouse de inmediato o protocolo vixente da Dirección Xeral de Saúde Pública, co obxectivo de controlar posibles contaxios e previr novos casos.
Ademais das actuacións sanitarias cos contactos familiares e do ámbito asistencial, o Departamento Territorial de Sanidade de Ourense realizou a identificación dos contactos estreitos da menor durante os últimos dez días no seu entorno educativo e social. En total, localizáronse 104 persoas, que xa están citadas entre a tarde de hoxe e mañá para recibir a quimioprofilaxe preventiva recomendada nestes casos.
A Consellería trasladou o seu pesar polo falecemento e expresou «as súas condolencias á familia» da menor.
Segundo explicou Jesús Prego Domínguez, xefe do servizo de epidemioloxía da Dirección Xeral de Saúde Pública, «cando se produce un caso cunha elevada sospeita clínica de enfermidade meningocócica invasiva debe activarse de forma inmediata o protocolo de actuación vixente», xa que «en ocasións é complicado obter mostras clínicas con resultados fiables en pouco tempo».
O especialista indicou que a primeira medida é a identificación dos contactos estreitos, dado que «esta enfermidade transmítese por contacto estreito e prolongado cos pacientes nos días previos». A continuación, adminístrase tratamento antibiótico preventivo: «A quimioprofilaxe elimina a posibilidade de transmisión nas 24 horas posteriores á súa toma», sinalou.
Así mesmo, tamén se revisa o estado vacinal das persoas en contacto coa menor para completalo no caso de ser necesario. «Todas estas actuacións leváronse a cabo coa maior rapidez posible para evitar casos secundarios», engadiu.
Paralelamente, Galicia ampliará desde este mes de maio a vacinación fronte ao meningococo B. A comunidade converterase na primeira en administrar esta protección aos 12 anos, idade na que todos os menores recibirán unha nova dose no marco das revisións de saúde.
Ata o de agora, esta vacina xa se incluía no calendario infantil aos 2 e 4 meses, cun recordo ao ano de vida. Co novo cambio, aqueles nenos e nenas que non teñan a pauta completa recibirán dúas doses aos 12 anos, mentres que o resto será inmunizado cunha soa dose.