Os centros educativos xunto co CCA lanzan unha campaña para festexar as Letras Galegas

Os centros educativos xunto co CCA lanzan unha campaña para festexar as Letras Galegas
Os establecementos asociados ao CCA O Barco amosarán nos seus escaparates cartas de Francisco Fernández del Riego decoradas e con selos coa imaxe do autor elaborados polo alumnado dos centros educativos.do Barco, Rubiá y Sobradelo

Un ano máis, a asociación Centro Comercial Aberto (CCA) O Barco colabora cos Equipos de Dinamización da Lingua Galega dos centros educativos de O Barco, aos que se unen este 2023 os colexios de Rubiá e Sobradelo, na organización da campaña “Francisco Fernández del Riego: tecedor de redes” para festexar as Letras Galegas 2023.

Os establecementos asociados ao CCA O Barco e participantes na campaña, un total de trinta e nove, amosarán nos seus escaparates cartas de Francisco Fernández del Riego decoradas e con selos coa imaxe do autor elaborados polo alumnado dos centros educativos.

Paralelamente, os cativos da comarca poderán participar nunha xincana buscando as cartas nos establecementos e vinculando as mesmas cos encabezamentos indicados nun folleto de participación que deberán selar en cada establecemento. Ao completar a xincana e ter o folleto cuberto, xunto cos datos persoais, deberán depositalo nunha urna instalada nas oficinas do CCA O Barco.

A campaña desenvolverase dende o mércores 10 de maio ao mércores 31 de maio. Entre tódolos participantes se sorteará un vale de compra de 50€ para investir nas librarías asociadas ao CCA O Barco: Caprichos, Libraría Murciego, Praxis, Libraría Yoli e Nós. Ademais, se premiará a mellor carta decorada de cada centro educativo cun vale de 25€ para material escolar.

Centros de ensino participantes. O Barco: CEIP Condesa de Fenosa, CEIP Julio Gurriarán, CEIP Otero Pedrayo, Colexio Plurillingüe Divina Pastora, IES Lauro Olmo, IES Martaguisela. Rubiá: CEIP Virxe da Encina. Sobradelo: CPI Tomás Terrón Mendaña.