A cata dos Viños de Valdeorras celebrarase o 14 de xullo

O vindeiro 14 de xullo celebrarase na sala de catas do Consello Regulador a XVIII Cata dos Viños da D.O. Valdeorras, unha iniciativa que se enmarca dentro dos actos da XX Feira do Viño. O Pleno do organismo,  aprobou as bases deste certame oficial que se abordará en dúas fases: unha primeira de precata ou cata de selección e unha segunda relativa á cata final.

Nesta cata poderán participar os viños elaborados polas bodegas inscritas nos rexistros da Denominación de Orixe Valdeorras, presentes na Feira do Viño e correspondentes á colleita do ano 2016 , sempre e cando se atopen en fase de comercialización.  Tamén poden participar nesta cata viños de colleitas anteriores á do ano pasado, dentro da categoría “viños de diferentes colleitas”.

Dúas marcas por bodega

Pódense presentar á cata como máximo dúas marcas por bodega e han de indicar o volume mínimo da partida, que non deberá ser inferior a 1.000 litros. A recollida de mostras será realizada polo personal do Consello Regulador e, para a supervisión da cata, conformarase un xurado presidido polo director técnico do organismo.

Os viños cataranse por series de dez como máximo e establécense tres premios para tintos e tres para brancos, xunto a unha mención especial de “viños de diferentes colleitas”. Os premios entregaranse nun acto público na tarde do domingo 16 de xullo. 

Ampliación de prazo para a modificación de parcelas

Doutra banda, o Pleno do Consello Regulador aprobou hoxe (coa abstención do vogal do SLG e das pequenas e grandes bodegas) a ampliación do prazo para que os membros do sector vitivinícola da zona amparada poidan modificar os datos das parcelas que inscriben no organismo, que marcarán magnitudes como a superficie ou a produción destas. O prazo ampliase, así, ata o vindeiro venres 7 de xullo.