Cancelado o festival de música alternativa Jamfest
«O tipo de música que facemos non encaixa coas medidas sanitarias que hai que tomar»
A Asociación de Música Alternativa de Valdeorras (AMAVA) decidiu non celebrar este ano o festival de grupos locais que organizaba, o JamFest. Este festival reunía cada verán ás bandas valdeorresas que compoñen o colectivo para darlles proxección. Porén, a pandemia de covid cambiou os plans.
O presidente da asociación, Guillermo Coni Molina, explica que as medidas sanitarias impiden celebrar o festival con normalidade e que por iso non se levará a cabo este ano. «Estamos concienciados polo coronavirus», di. «Ademais o tipo de música que facemos non encaixa coas medidas sanitarias que hai que tomar», engade.
O ano pasado tocaron 7 agrupacións locais neste festival, amosando disitintos estilos como rock, punk ou post-punk. A situación sanitaria impide organizar o evento nunhas condicións de seguridade óptimas para este tipo de directos, aínda que se espera recuperalo en 2021.
Dende a AMAVA tamén alertan de que este ano había menos socios interesados en participar e advirten de que é preciso un relevo xeracional para que se poida seguir celebrando, que contribúe a dinamizar a escena musical da comarca.