Ata 57 propostas para humanizar a asistencia sanitaria en Ourense

16 propostas foron seleccionados como finalistas e faranse públicos nunha xornada de difusión

O concurso de ideas e iniciativas de humanización da Área Sanitaria de Ourense, Verín e O Barco de Valdeorras, no que se convocou a profesionais e asociacións de pacientes a aportar proxectos para aplicar nos hospitais e centros de saúde da provincia, terá por fin gañadores tras o parón obrigado da atención a Pandemia de Covid.

A convocatoria, do mes de xaneiro, tivo un gran éxito de participación, con 57 proxectos inscritos. 37 de profesionais dos distintos servizos e 20 das asociacións de pacientes. Deles 16 foron seleccionados como finalistas e faranse públicos hoxe, nunha xornada de difusión, na que os seus autores e autoras exporán as súas liñas xerais e os obxectivos de cada idea de humanización.



Ao remate da xornada, que se celebrará ao longo da mañá, terá lugar a deliberación do xurado e daranse a coñecer os dous proxectos gañadores, dotados cun premio económico de 3.000 euros en cada categoría, profesionais e pacientes, ademais de cun aliciente maior para os participantes, ambos levaranse á practica na sanidade pública de Ourense.

Esta novidosa iniciativa de participación e compromiso coa humanización, que non ten precedentes en España, servirá para integrar o criterio e percepcións de pacientes e profesionais, nos proxectos de humanización que se están a desenvolver na Área Sanitaria de Ourense, Verín e O Barco de Valdeorras, e intégranse na estratexia do Sergas de Humanización.



A convocatoria foi presentada, precisamente, na última reunión do Consello Asesor de Pacientes da Área, formado por mais dunha vintena de asociacións con presenza na provincia. O xurado terá en conta nos criterios de valoracion, o alcance, impacto, factibilidade, orixinalidade, sostenibilidade e ética da proposta.