viernes. 19.04.2024

Algunhas destas casas rodantes xa se deixan ver pola comarca cando o sector comeza a recuperarse tralas consecuencias do confinamento

Un dos sectores máis marcados pola pandemia foi o turismo, e aínda que se vai recuperando a modo o volume anterior ó estado de alarma, o medo ó virus anima a moita xente a quedar na casa este verán. Unha solución ó problema de compartir espazos comúns pode ser levar a casa con nós mesmos. As autocaravanas, vehículos equipados para permitir a súa habilidade, preséntanse como unha boa alternativa ó turismo tradicional.



Manuel Fernández-Arruti, presidente da Asociación Galega de Autocaravanas, afirma que “incrementouse o interese de máis xente pola autocaravana como un modo de gozar das súas vacacións”. Así e todo, a medranza do negocio neste tipo de vehículos non está a ser maior do que xa era e que roldaba o 30% anual. “O crecemento na venta e incluso nas cifras de aluguer é similar ó de anos pasados”, comenta Fernández-Arruti. En 2019 matriculáronse máis de 500 autocaravanas en Galicia.

Algunhas autocaravanas comezaron a deixarse ver por Valdeorras trala fin do estado de alarma e o levantamento das medidas de restrición da mobilidade, e o perfil dos autocaravanistas pode redundar en beneficios para a comarca. Trátase, polo xeral, de familias de mediana idade e clase media-alta que se poden permitir os prezos destes vehículos; a compra dunha pode variar entre os 50.000 € e os 80.000 €, e o aluguer chega ós 180 € por día.



“Ese tipo de xente non destaca precisamente por aforrar”, observa o presidente da asociación. Ó gasto que poden deixar na zona engádese a gran mobilidade que teñen. “Se hai algún turismo que deslocalice, é dicir, que permita ir a sitios onde non hai establecementos hoteleiros, e que desestacionalice, que non se mova só en verán, esa é a autocaravana”, engade.

Para captar este tipo de turismo é conveniente dispor de áreas habilitadas expresamente para estas casas rodantes, que precisan dun espazo cómodo onde instalarse, unha billa e un sumidoiro. Fernández-Arruti destaca que é pouca obra e que apenas xera ningún impacto medioambiental. “Cando está baleira non hai nada, non queda unha instalación perpetua que se non ten éxito despois quede a edificación”, di. En Valdeorras e a contorna hai catro: tres públicas no Barco, A Rúa e en San Xoán de Río e unha cuarta privada en Vilamartín.

A da Rúa é a máis frecuentada polos seareiros das autocaravanas. O concelleiro de Deporte, Turismo e Cultura, José Vicente Solarat, conta que na área habilitada no Aguillón “é difícil estar por debaixo de media ducia” destes vehículos. Segundo as súas palabras, a procedencia é do máis variada: “aproximadamente un 50% españois e despois bastante centroeuropeo, francés, holandés, algún británico”.

Tamén traen as súas complicacións. En Cangas os veciños queixábanse dalgunha aglomeración destes vehículos preto das praias do concello morracense, e en Camariñas o concello chegou a clausurar a área de autocaravanas por mal comportamento dos usuarios. Así e todo, non parece a tónica xeral e Solarat destaca que non detectaron malas actitudes dos turistas sobre rodas. “Levamos xa como 12 anos con ela, pero ningunha incidencia”, agás, comenta, algún acto de vandalismo con autoría probablemente local. O edil rués afirma que os autocaravanistas adoitan amosarse satisfeitos coa área, achegada á vila, e da que poden gozar 72 horas.



No Barco, o novo concelleiro de Turismo, Comercio e Promoción Económica, Eladio Santos, afirma que o Concello xa se atopa acondicionando a área do Campiño de cara ó verán. “Supoño que é unha das modalidades de turismo que agora terá ó mellor incluso un pouco de alza, tal e como están as cousas, que a xente ten medo de ir ós hoteis; e aí intentaremos colocar a nosa oferta”, comenta, aínda que “de momento a cousa vai amodo”.

O concello do Barco atópase elaborando unha estratexia turística. O obxectivo é pór en valor o turismo enolóxico e o patrimonio natural, histórico e artístico que ofrece a localidade, ademais de  aproveitar o Camiño de Santiago; pero non está contemplado un plan específico para o turismo de autocaravanas. Porén, “dentro da nosa estratexia si que está apuntado”, di Santos, e buscarán “dinamizalo dalgunha maneira”. Dinamizar un sector que non só chegou para quedarse, senón tamén para medrar.

As autocaravanas aparcan en Valdeorras