Araceli Fernández, presenza barquense nos actos polos 50 anos de liberdade en Ourense

O subdelegado do Goberno en Ourense, Eladio Santos, reivindica a Transición como «o comezo dunha nova España que decidiu avanzar unida, con xenerosidade»

A programación impulsada pola Subdelegación do Goberno en Ourense e o Comisionado para a Celebración dos 50 anos de España en Liberdade continúa a sumar voces destacadas do mundo económico, cultural e social da provincia. Entre elas estará a barquense Araceli Fernández, de Godeval, quen formará parte da conferencia “Raíces e futuro: medio século de economía sostible en Ourense”, que terá lugar o xoves 4 de decembro ás 19:00 horas no Centro Cultural José Ángel Valente. Compartirá mesa con Elena Rivo e Julio Iglesias, do Grupo Revi, nunha reflexión conxunta sobre o modelo económico ourensán e o seu impulso cara ao futuro.

A presenza de Araceli Fernández destaca pola súa traxectoria vinculada ao territorio, á viticultura e á valorización da identidade produtiva da comarca. A súa participación supón tamén unha representación do talento barquense dentro dunha programación que busca amosar referentes en diferentes ámbitos da sociedade.

A actividade cultural tamén terá un espazo especial en Valdeorras: o Teatro Lauro Olmo, no Barco, acollerá o venres 5 de decembro ás 21:00 horas a representación teatral “Flores de España”, da compañía Los Sueños de Fausto, un espectáculo que dialoga directamente coa memoria recente do país e co espírito das conmemoracións.

A Transición, punto de partida

Os actos arrancaron coa mesa redonda “A Transición: historia dun éxito colectivo”, celebrada no Centro Valente e presentada polo subdelegado do Goberno, Eladio Santos, quen reivindicou aquela etapa como “o comezo dunha nova España que decidiu avanzar unida, con xenerosidade”, consolidando a cultura do pacto como guía do presente democrático.

A xornalista Anabel Díez moderou o encontro, no que Diego López Garrido e Xosé Luis Barreiro Rivas afondaron nos retos, tensións e aprendizaxes dun período clave da historia recente.

Pola súa banda, a comisionada Carmina Gustrán puxo en valor o carácter descentralizado da programación, destacando que “celebrar medio século de liberdade é tamén celebrar a pluralidade que nos define como país”.

Eladio Santos nun mometo da súas intervención

Un programa amplio para reflexionar e celebrar

A serie de actividades continuará nas próximas semanas —con voces como Ramón Jáuregui, Ana Pardo de Vera, Fernanda Tabarés, Carmen Calvo, Juan Tallón, Pilar García Negro ou Dores Tembrás— e culminará coa Gala do 41º Concurso da Constitución, o sábado 6 de decembro no Auditorio Municipal.

Entre todos estes actos, a presenza de Araceli Fernández sitúa á comarca de Valdeorras no centro dun diálogo que mira ao pasado para comprender mellor o futuro: un futuro sostible, respectuoso co territorio e construído sobre o traballo de persoas que, coma ela, representan o mellor do talento local.

Unha programación que, en conxunto, busca lembrar de onde vimos, valorar o camiño percorrido e fortalecer a liberdade que hoxe celebramos colectivamente.