sábado. 20.04.2024

Unha unidade móbil de doazón de sangue instalarase dende hoxe pola tarde ata mañá na praza do Concello do Barco. Hai carencia de sangue dos grupos A+, B+, AB+, 0+ e 0-

A Axencia de Doazón de Órganos e Sangue, dependente do Servizo Galego de Saúde, está a facer un chamamento para doar sangue neste verán. A invitación está especialmente dirixida ós doantes dos grupos A+, B+, AB+, 0+ e 0-, xa que teñen as reservas baixas. Así e todo, a solicitude de colaboración é xeralizada e animan a participar a toda a cidadanía.



Dende a axencia destacan que o verán é un período no que se fai máis complicado conseguir sangue pola deslocalización dos doantes, e que é preciso aumentar a solidariedade da poboación coincidindo coas operacións de tráfico do verán. Segundo afirman nunha nota de prensa, os hospitais galegos necesitan mensualmente arredor de 10.000 doazóns.

Unha unidade móbil instalarase hoxe de 17.00h a 21.00h na praza do Concello do Barco para todo aquel que se anime a doar sangue, ademais de mañá como cada venres último de mes. Tamén é posible facelo no Hospital de Ourense de luns a venres entre as 08.00h e as 15.00h.

Poden doar todos aqueles que teñan 18 anos, pesen máis de 50 quilos e que non padezan nin tivesen padecido enfermidades transmisibles polo sangue, como o VIH ou a Hepatite B ou C. Dende a ADOS lembran que doar sangue é un acto sinxelo que pode salvar a vida de quen o precisa. Para máis información e para pedir cita previa existe un teléfono gratuíto, o 900 100 828.

A ADOS fai un chamamento a doar sangue