A Deputación de Ourense entra no Eixo Atlántico

Videoconferencia Manuel Baltar na Asamblea Xeral do Eixo Atlántco.

A asemblea xeral da entidade, celebrada hoxe, aprobou por unanimidade a entrada da Deputación

A Deputación de Ourense forma parte desde hoxe do Eixo Atlántico, o lobby de cooperación transfronteiriza máis importante entre España e Portugal, integrado por 39 entidades que representan a provincias, cidades e cámaras territoriais de ámbolos dous países. A incorporación da Deputación de Ourense fíxose efectiva na asemblea xeral do Eixo Atlántico que en reunión telemática aprobou tamén o balance de xestión e as contas da entidade de 2020, así como o programa e o orzamento para 2021. 



O presidente da Deputación de Ourense, Manuel Baltar, expresou o agradecemento pola aceptación unánime por parte de todos os membros á incorporación da institución provincial ourensá e dixo que hoxe «é un día importante para a Deputación e para a provincia de Ourense porque entramos nun foro de prestixio e cooperación transfronteiriza, como é o Eixo  Atlántico. Unha entrada que se produce logo de acreditar unha capacidade de traballo en rede no ámbito europeo, como vén facendo a Deputación de Ourense presidindo Partenalia; vicepresidindo a CEPLI, a Confederación europea de Poderes Locais Intermedios, e grazas a todo ese traballo en rede desenvolvemos programas europeos que non se levan a cabo noutros territorios: no ámbito do reto demográfico, emprendemento, temas termais, Ourense como "destino turístico intelixente" ou no ámbito cultural». 

Baltar defende que esta incorporación ao Eixo Atlántico «chega nun momento especialmente importante porque estamos a falar de fondos comunitarios extra nunha situación de pandemia, e aí ten que estar a Deputación de Ourense e, por extensión, desta maneira, tamén o están todos os concellos da provincia» 

Baltar puxo en valor o feito de que a provincia de Ourense "é a que máis quilómetros de fronteira ten con Portugal, 219, o que fala do carácter internacional da deputación e da provincia de Ourense, caracterizada pola emigración ao longo do tempo", e salientou na súa intervención "o pulo necesario que temos que levar a cabo entre todos nesta difícil etapa da pandemia do COVID-19. Unímonos para traballar, facer e achegar, e agradezo que esta entrada teña sido unánime, como o consenso que preside unha entidade de tanta  relevancia e prestixio como o Eixo Atlántico», expresou Manuel Baltar.

Pola súa banda, o secretario xeral do Eixo Atlántico, Xoán Vázquez Mao, afirmou que a incorporación da Deputación de Ourense «permítenos completar o eixo polo interior, Lugo-Ourense-Tras os Montes».