Récord de participación na Festa da Bica

A Pobra de Trives celebrou a cuadraxésimo cuarta Festa da Bica con récord de participación. Máis de 450 persoas reuníronse na Praza do Reloxo, para saborear o doce típico das Terras de Trives, a bica. Pero no foi o único que puideron comer os asistentes, xa que o menú consistía en pulpo, carne o caldeiro, bica, viño, auga e licor café. No xantar repartíronse preto de 500 racións de bicae estivo amenizada pola música da Charanga Nova Terras de Trives.

Ademais, este ano, o evento acollía unha mostra e mercado de artesanía da A.C. Tarabelada e máis artesáns e produtores da comarca, con pasarrúas da banda de gaitas Os Trintas e a Charanga Nova Terras de Trives.

Pero non foi esta a única novidade, xa que tamén houbo un concurso de selfies, no que se presentaron 30 fotografías nas que en todas había unha bica. Alba Rodríguez Vasallo foi a gañadora. No concurso de camisetas participaron 3 animados grupos quedando empatados entre eles. Todos os participantes nos concursos tiveron un agasallo en forma de obxecto de promoción de Trives. Houbo tamén un “photocall” para que os asistentes levasen un recordo en forma de foto. A festa continuou pola noite coa discoteca móbil Ráfaga.

Esta edición da Festa da Bica estivo ateigada de actividades os días previos. O venres 21 houbo unha  “BicAndaina”, un sendeiro nocturno teatralizado, no que a Bica tivo o seu papel protagonista. O xoves  27 o servizo de turismo organizou “E de postre…BICA”; unha visita guiada para coñecer o proceso de elaboración do doce típico. Tamén houbo concursos promocionados a través das redes sociais onde a bica foi a protagonista e que tiveron boa acollida.