viernes. 19.04.2024
Terras de Trives

O mercado de artesanía de Trives enche as rúas da vila

Máis de 40 postos de artesanía, doces, xogos tradicionais e por suposto música e troula

A XI Mostra do Patrimonio Inmaterial e Entroido de Verán, organizada pola Asociación Cultural A Caniceira, estreou hoxe o mercado de artesanía que estará aberto ata mañá.

Máis de 40 postos de artesáns vidos desde diferentes puntos de Galicia e incluso de Estremadura, no que se pode atopar téxtil, calzado tradicional—zocas—, xoias, lambetadas ou alimentación.



«A maioría deles

repiten desde hai anos. Os artesáns veñen de diversos puntos de Galicia, anque

mesmo hai un de Estremadura. Como novidade, este ano instalouse un carrusel de

madeira accionado con pedais», subliñan desde a organización.

Ademais do mercado de artesanía, os veciños e todos os que se achegaron pola mañá a vila puideron participar no V campionato de Billarda, na Finca da Barreira ou escoitar a sesión vermú a cargo da banda de gaitas, Os Trintas de Trives.



A partir das doce da noite —hoxe sábado—, máis musica, neste caso soarán temas  dos oitenta en versión española. O grupo que devolverá ós asistentes a outras épocas é  «Banda de Mazinger». Estarán na praza Doutor Paz, até ben entrada a madrugada.

O domingo ás

11:00 horas, de novo, o mercado de artesanía abrirá as súas portas. A sesión

vermú nesta xornada corre da conta das Macizas Centrais — grupo da asociación

organizadora—. Será arredor das 13:30h.

Pola tarde, o momento máis esperado e clásico do Entroido de verán é o desfile de folións.  Comeza ás 18:30 horas no campo da Barreira e percorrerá as rúas da vila. Ás 22:30 horas, na Praza do Reloxo, actuación do grupo «Os fillos do estramonio», candidatos este ano aos premios Martín Códax e coñecidos polas súas adaptacións humorísticas ao galego de clásicos do rock, rancheiras e cumbias e polas súas aparicións na TVG.

Subliñar, para rematar o éxito dos Cantos de Taberna de onte, no que participaron sete agrupacións.



Fotos cedidas por A.C. A Caniceira

O mercado de artesanía de Trives enche as rúas da vila