Comeza a troula en Rubiá para celebrar a Ascensión
Dende este xoves 25 de marzo e ata o vindeiro domingo 28, Rubiá celebra a Ascensión con catro días de música, actividades e troula.
Hoxe, día da Ascensión -que se celebra corenta días despois do domingo de resurrección-, Rubiá sacou á imaxe da Virxe nunha procesión que recorreu as rúas do pobo ata a Capela da Virxe do Camiño, amenizando o percorrido coa música dunha charanga. Pola noite será a orquestra Acordes a encargada de poñer a nota musical con dous pases, un ás 21:00 horas e outro ás 01:00 horas.
O venres unha discoteca móbil será a encargada da festa, sobre todo para os máis novos. O sábado serán os máis pequenos os protagonistas da tarde. A casa da cultura de Rubiá acolle ás 18:00 horas o espectáculo do mago Román e ás 19:30 horas a actuación de Noa e Joaquín, dous rapaces valdeorreses que tocarán o saxofón e o acordeón. A orquestra Fórmula encargarase da troula nocturna.
O domingo, peche das Festas da Ascensión 2017, Rubiá volverá a saír en procesión coa tradicional bendición dos campos, rogando por unha meteoroloxía afín para as boas colleitas. Ademais, o domingo celébranse as comunións dos rapaces da localidade. A festa rematará coa actuación, en sesión de tarde e noite, da orquestra Costa Dorada.
De momento o tempo está acompañando aos veciños e visitantes de Rubiá, pero polo que poida pasar o campo da festa está amparado por unha carpa.