Explosión de cores o Domingo de Entroido polas rúas de Rubiá
Veciños e visitantes gozaron do Domingo de Entroido en Rubiá. Decenas de grupos tinguían as rúas de cores no tradicional desfile de comparsas e disfraces, que saíu puntual ás 17.00 horas da tarde. Os máis cativos xa empezaran a troula o sábado, co Entroido infantil e actividades para os máis pequenos.
Sireas, monstruos, piratas, vikingos, hippies... Personaxes de todo tipo desfilaban hoxe en comparsa pola localidade. O Concello de Rubiá agasallaba aos distintos grupos participantes no desfile, sempre e cando estivesen inscritos no concello. Como axuda e recompensa pola preparación dos disfraces, facíase entrega de 150 euros a todos aqueles grupos de entre 12 e 20 membros, 200 euros para grupos entre 21 e 35 membros e 250 euros para grupos que superasen as 36 persoas.
Despois do desfile, que rodeou o pobo pasando polas principais rúas a ritmo dos bombos do Folión Os Viticultores, de Vilamartín, as comparsas participantes disfrutaron duns pinchos con empanada, polbo a feira e bebida no pavillón polideportivo de Rubiá.
Os que se achegaron ata a localidade para gozar deste Domingo de Entroido bailaron a ritmo dun dúo que tocou no pavillón para amenizar a merenda e ata fin de festa.
Pero o Entroido 2017 non remata ata o vindeiro Mércores de Cinza, 1 de marzo, co tradicional enterro da sardiña.