Xa están en marcha os cursiños de piragüismo de A Rúa e O Barco
O Club Fluvial O Barco en colaboración cos concellos de A Rúa e O Barco, inicia, como cada tempada de verán, varios cursiños para os piragüistas e futuros piragüistas da comarca.
No caso de A Rúa, o curso conta con entre 13 e 15 alumnos e impártese os martes e xoves dende o pasado 1 de xullo e ata o vindeiro 31 de agosto. Dende o concello, o novo alcalde, Luís Gudiña, asegurou estar "moi contento de colaborar co Fluvial Barco nesta quinta edición, que esperamos que siga funcionando".
No caso de O Barco o curso tamén se iniciou o pasado 1 de xullo e rematará o 31 de agosto. Conta con 2 grupos. Por una banda impártese un cursiño de 16:00 a 18:00 horas para aqueles nenos e nenas que se están a iniciar no piragüismo. Este curso acolle a 22 rapaces aos que "se lles ve con ganas e ilusión. Hai futuro, pero aínda queda traballo", así o afirmou o profesor do curso, Daniel López Moral. Neste caso son rapaces de entre 8 e 12 anos primordialmente, aínda que o instrutor sinalou que tamén está aberto a xente de outras idades, pero só en función da capacidade que teña o club.
No segundo grupo, que se imparte de 18:00 a 20:00 horas, están aqueles mozos e mozas que xa fixeron varios cursos e que van a competicións con asiduidade.
O cupo de prazas xa está cerrado, aínda que segundo indica o club, se se achega algún alumno máis, valorarán a capacidade que teñen. Os cursos impártense de luns a xoves nestes dous meses de verán. "O importante é que aprendan, que disfruten e que teñan ilusión, o demais é traballo, constancia e moito esforzo", asegura Daniel López.
O vindeiro sábado o club xa ten varias citas importantes. Por unha banda, os benxamíns e alevíns viaxarán a Narón para disputar o Campionato Galego. O resto do club acudirá a unha regata que terá lugar o sábado en Avión. Así mesmo, tamén o sábado algúns padaxeiros acudirán ao k4 de Sanabria para disputar a proba sénior nacional e de seleccións.