Juanón conquista Petín na Feira de 1812
Esta fin de semana Petín volve a 1812 e o encargado de abrir a porta da máquina do tempo foi Juan Martínez Blanco, aínda que ninguén no pobo o coñece por ese nome. Para os veciños é Juanón, unha persoa moi especial para Petín.
As oito da tarde do venres era o tempo do pregón. Juan José Rodríguez Losada presentaba ao pregoeiro preguntándose: ¿Quén non estivo con Juanón en Petín?
Foi a Asociación Cultural Monte Grande, que organiza a feira, a que quixo contar este ano co "embaixador de Petín" para que fose o encargado de inaugurar as festas. "Nos hace mucha ilusión que sea él el encargado del pregón", afirmaban dende a organización.
O curioso desta historia é que Juanón non naceu en Petín, senón en París. Ten raíces vascas e viviu un tempo en Bilbao. Pero finalmente asentouse en Valdeorras, converténdose nun veciño moi coñecido e moi querido por tódolos habitantes da comarca.
Despois da actuación da banda de gaitas, Juanón ofreceu un pregón moi distendido, recordando anécdotas, cantos de taberna, lugares emblemáticos... Fixo un repaso pola vida dos veciños de Petín demostrando o seu gran sentido do humor e conquistando ao público, que se arrancaba con risas e aplausos. Para finalizar, agradeceu a presenza do público e animou ao pobo a permanecer unido e disfrutar da troula.
Tralo discurso, entonouse o himno a Petín e volveu a actuar o grupo de gaitas Airiños de Caldelas e quedaron oficialmente inauguradas estas festas de Petín.
Tanto o sábado como o domingo o horario da feira, na que se poderán ver toda clase de materiais antigos, é de 12:00 a 15:00 horas pola mañá e de 19:00 a 23:00 horas pola tarde. O sábado actuará a charanga Sorcha e pola noite haberá concerto na taberna da feira.
O domingo debutará a banda de música Fonte grande de Petín as 13:00 horas na praza, para logo recorrer as rúas do pobo. Tamén o domingo terá lugar o sorteo de 500 euros.
https://www.youtube.com/watch?v=PUcd0YZxgS8&feature=youtu.be