Visita do CEIP Condesa de Fenosa á Cooperativa do Barco
O alumnado de 4º de primaria do CEIP Plurilingüe Condesa de Fenosa, realizou unha visita educativa á Cooperativa Vitivinícola Jesús Nazareno de O Barco, na mañá do martes día 6 de novembro. A iniciativa parte do programa Coñece a túa contorna, que desenvolve o alumnado do centro dende Infantil ata 6º de Primaria. Entre outras cousas, o programa consistente en realizar dúas visitas anuais a lugares da nosa localidade, que sexan de relevancia cultural, histórica, etnográfica, industrial, comercial, económica e/ou social.
O centro elexía así o mundo do viño por ser «un dos motores económicos da nosa bisbarra», razón pola que decidían «realizar unha visita á adega máis grande e con máis socios da Denominación de Orixe Valdeorras». Dende o centro destacan que nesta actividade os rapaces puideron ser testigos de todo o proceso de elaboración do viño, «dende que entran os tractores cargados de uvas ata que se transforma o mosto nos viños brancos e tintos que se distribúen polo mundo enteiro, en botellas de cristal perfectamente corchadas e etiquetadas».