O Partido Popular reúne en Valdeorras a líderes provinciais, e candidatos ourensáns
O Partido Popular de Ourense principiou onte a campaña electoral para a cita coas urnas do 26 de xuño na comarca de Valdeorras, onde o presidente provincial, Manuel Baltar, o presidente da Xunta de Galicia e do PPdeG, Alberto Núñez Feijoó, e os candidatos ao Congreso e ao Senado se deron cita nunha visita á vila de O Barco e nun mítin na Rúa.
O presidente dos populares ourensáns, Manuel Baltar, lanzou a súa primeira mensaxe de campaña cunha rotunda declaración de intencións, afirmando que “xa queda un día menos para que España conte cun goberno estable, o que recuperou económicamente o país”.
Para Manuel Baltar, a visita a Valdeorras é todo un recoñecemento ao motor económico que supón esta comarca para o conxunto da provincia, “con sectores clave para o desenvolvemento como a lousa, a agroalimentación e mesmo outras opcións de futuro aos que tamén hai que mirar como o turismo cultural”.
Pola súa banda, o número uno ao Congreso, Miguel Ángel Viso, afirmou sentirse emocionado e agradecido pola nova oportunidade que lle brinda o PP e o seu presidente provincial para volver a representar a Ourense.
Viso explicou a súa experiencia nos 133 días que estivo no Congreso, “onde vin que as únicas propostas que formularon os demais partidos só tiñan como obxectivo evitar que gobernara o PP”. Unha postura, engadiu, que segue a ver nestas primeiras horas de campaña entre aqueles que “so pretenden impedir calquera proxecto de progreso, como que Valdeorras non teña unha infraestrutura vital como a A76”.
A presenza dos populares ourensáns completouse cunha visita, pola mañá, á vila de Ribadavia, estadía na que contaron coa presenza do secretario xeral do Partido Popular de Galicia, Miguel Tellado.
Tamén na cidade comezou a actividade electoral, desta volta cun mitin celebrado na Asociación de Veciños Portovello, coa participación dos candidatos ao Congreso Celso Delgado e Belén Gómez, acompañados por representantes do PP de Ourense como Miguel Abad e José Cudeiro.
“Pediremos o voto con maior intensidade que nunca”, dixo Celso Delgado, quen subliñou que o Partido Popular representa a España moderada, “onde o gran obxectivo nacional é a creación de emprego “indispensable para mellorar as políticas de benestar, unha das mellores do mundo”.