Comeza a XX Edición da Feira do Viño de Valdeorras
A XX Edición da Feira do Viño de Valdeorras deu comezo este mediodía na praza barquense de Viloira tras o pregón presidido polo cómico e actor Javier Veiga. Veiga, presentou o acto con intervencións cheas de matices cómicos e chistes varios, chegando a bromear acerca do seu apelido "Veiga non é o meu apelido como pensades, chamome así porque eu sou da Veiga". A continuación, o actor cedeulle a palabra ao presidente en funcións do Consello Regulador, que agradeceu a asistencia de todos os presentes e recordou a importancia da Denominación de Orixe Valdeorras, recalcando a distinción desta feira, que vai xa pola vixésima edición. Así mesmo, García insistiu na importancia desta industria para a comarca, tanto en aras do comercio como do turismo.
A continuación foi a quenda do vicepresidente da Deputación e presidente do Inorde, que sinalou que todos os presentes teñen unha razón de ser que é "a exaltación dun dos produtos máis sinalados da viticultura de valdeorras, co obxectivo de promocionar e potenciar o viño valdeorrés".
Tralo vicepresidente, tomou a palabra o alcalde de O Barco, Alfredo García, que insistiu en que o viño, para a comaraca de Valdeorras é "vida, e vida é o que necesita o rural galego".
O alcalde cedeulle a palabra a conselleira de Medio Rural, Ángeles Vázquez, que sinalou que o viño de Valdeorras tiña "algo especial que non teñen os demais viños", especialmente o godello. Ademais, a conselleira recordou que, en xeral, "os viños de Galicia están entre os mellores do mundo"
O pregón rematou preto das 13:30 coa última intervención. De novo o pregoeiro Javier Veiga tomou a palabra para desexar boas festas, cerrando o acto inaugural coa frase "Viva o viño e beba o viño!".
O recinto feiral permaneceu aberto en horario de 12,30 a 14,30 horas e de novo abrirá pola tarde de 19,30 a 23,00 horas. Un total de 18 bodegas da comarca exhiben en Viloira o mellor das súas colleitas. As bodegas que dispoñen de stand nesta vixésima edición da Feira do Viño son: O Cepado, A Tapada, Guitián y Blanco, Roandi, Avancia, Cooperativa Jesús Nazareno, Cooperativa Virxe das Viñas, Sampayolo, Quinta da Peza, Viña Costeira, Eladio Santalla, Santa Marta, Melillas, Fornos GRS, Felipe Mayo, O Casal e José González.
A feira conta cun programa completo de eventos paralelos, que comezaron o pasado mércores coa II Ruta dos Pinchos. O venres 14 comezou propiamente a XX Feira do Viño coa celebración da cata anual profesional. Será o domingo, ás 20.30 horas, cando se entreguen os premios ás bodegas gañadoras deste certame oficial.
Paralelamente, ao longo das dúas xornadas haberá actuacións musicais e actividades dirixidas aos cativos. Esta mañá actuou a charanga Fuego e pola tarde, ás 19.30 horas, será a quenda do grupo Airiños de Caldelas, que amenizará a sesión vespertina co seu espectáculo musical. Xa pola noite, a música seguirá a cargo dun DJ e do grupo barquense O Son do Sil. Na xornada do domingo, actuará a charanga N.B.A.
Ademais, esta tarde, ás 20.00 horas celebrarase un showcooking no recinto feiral a cargo de Flavio Morganti, chef dos restaurantes Galileo e Galigola de Ourense.
Para facilitar os traslados ao recinto feiral, xa está en marcha o tren Valdeorras Expreso, cuxo percorrido comprende saídas desde o polideportivo, pasando polo hospital e a praza do Concello do Barco ata chegar a Viloira.