Os Bolechas chegaron ao Barco facendo protagonistas aos máis pequenos
Os Bolechas chegaron ao Concello do Barco e encheron o Teatro Lauro Olmo, onde máis de 200 cativos desfrutaron ante os seus ídolos e aprenderon sobre riscos forestais.
Os nervios e as emocións palpábanse antes do inicio da actuación, pero os famosos Bolechas saíron puntuais as táboas do TLO e todo o anterior quedou esquecido. Os populares bonecos actuaron para concienciar aos máis pequenos sobre a necesidade de coidar o monte e a maneira de facelo, iniciándoos na prevención dos incendios forestais facendo aos pequenos partícipes da actuación a través de diversos xogos.
O obxectivo da obra non é outro que fomentar a educación ecolóxica dos nenos e nenas e a súa participación en galego na resolución do conflito proposto no guión.
Os participantes na actividade de dinamización lingüística obtiveron unha palabra chave que lles permitirá acceder ao web www.osbolechas.gal, onde atoparán diversos contidos (xogos, diplomas, unidades didácticas…) e poderán participar en sorteos de lotes de libros dos Bolechas. Uns libros que comenzaron a publicarse no ano 2000, e polo tanto varias xeracións de nenas e nenos creceron con eles.