Bailando baixo a choiva en Manzaneda
A troula en Manzaneda daba comezo coa reunión de Fulións de todas as parroquias da localidade. Algo antes das 12 da mañá comezaba, como estaba previsto, o pasarrúas. Decenas de persoas desafiaban o Martes de Entroido baixo a intensa choiva, que non amainou ata a hora do xantar, recorrendo as rúas de Manzaneda seguindo o ritmo dos Fulións. As cores dos traxes tradicionais e a música de bombos, tambores, cencerros e demais utensilios de labranza metálicos rompían a monotonía do chuvioso día. Os Fulións saíron do colexio da localidade, para pasearse polo pobo e volver ao punto de partida.
No pavillón polideportivo estaba a mesa posta e os camareiros agardando. Todo listo para o xantar popular, que comezou ás dúas da tarde e acolleu a centos de persoas. O menú, que tiña un prezo de 10 euros para adultos e gratuito para os menores de seis anos, estaba composto, nesta ocasión, de chourizo cocido, empanada, carne ao caldeiro, viño da zona e bica de poste.
Ademais da figura tradicional dos touros, que estiveron presentes no Entroido de Manzaneda, a personaxe indiscutible deste encontro é a Mázcara, figura de orixe arcaico que realiza unha particular danza. Viste un traxe moi colorido e porta sobre a cabeza un característico gorro engarzado con cintas de cores.