sábado. 20.04.2024
CULTURA

Conflicto social, vendima, aldea e memoria histórica, nova proposta de Versión Valdeorras

O ciclo de cinema online creado por Cristina de la Torre ofrece catro novos títulos para esta fin de semana, incluida a estrea de «Os fillos da vide», de Ana Domínguez

Versión Valdeorras volve poñer catro títulos a disposición do público en aberto para animar o confinamento á veciñanza. Dende o xoves 16 e ata o xoves 23 de abril, poderanse ver documentais gravados en Valdeorras nas últimas dúas décadas. Un deles, «Os fillos da vide», de Ana Domínguez, estará dispoñible durante 48 horas a partires de mañá, o resto haberá unha semana para velos.

As películas que se estrean esta semana son:

  • Xoves 16: «Apartado 12», de Cristina de la Torre (2006)
  • Venres 17: «A aldea, o antigo e o novo», de Ignacio Vilar (1999)
  • Sábado 18: «Os fillos da vide», de Ana Domínguez (2017)
  • Domingo 19: «Lobos sucios», de Felipe Rodríguez (2006)

Atoparse nas redes en tempos de confinamento

A iniciativa, creada por Cristina de la Torre coa colaboración doutros cineastas da comarca, está tendo unha repercusión considerable, con películas que acumulan centos de visionados. Para a realizadora ruesa é «unha oportunidade de atoparnos nas redes e xerar conversas sobre cousas que foron pero que seguen tendo importancia e leccións para o presente, como a polémica pola instalación da fábrica de Rieter na Rúa».



Foi esa, a historia de «Apartado 12», un documental dirixido por Cristina de la Torre e producido por Domingo D. Docampo, a que abriu a carteleira desta semana. E fíxoo cun coloquio no que explicaron os detalles dunha rodaxe que non foi sinxela. «Metínomos de cheo no conflicto, gravando con todos os protagonistas cando aínda estaba moi candente», explica de la Torre, quen aclara que «aínda que houbo resistencias iniciais, todo o mundo confiou en nós para contar a historia e foron moi xenerosos concedéndonos entrevistas».

Ese coloquio, como o resto dos que preceden á posta en aberto das películas, pode verse no Facebook de Somos Comarca e Versión Valdeorras, así como na web do ciclo de cinema. A creadora da iniciativa estivo tamén en Radio Valdeorras Onda Cero explicando os detalles das novas estreas.

Conflicto social, vendima, aldea e memoria histórica, nova proposta de Versión Valdeorras