Crónicas do Paraíso representouse no Barco da man de Sarabela Teatro
Sarabela Teatro representou a obra ante o público barquense na tarde-noite do 8 de novembro
Sarabela Teatro presentou no Teatro Lauro Olmo, Crónicas do paraíso, obra na que un grupo de misteriosos viaxeiros comparten unha carruaxe viaxando por Bretaña.
Gonçalo Guerreiro dirixe esta produción na que o grupo ourensán se achega aos fantásticos mundos de Cunqueiro.
Crónicas do paraíso é unha versión libre de As Crónicas do Sochantre de Álvaro Cunqueiro. A trama orixinal de Cunqueiro serve para darlle forma a unha nova estrutura narrativa habitada polo universo do crime. Mantense a liña xeral da historia do Sochantre de Crozon que a cambio de exercer as súas funcións musicais no funeral do fidalgo de Quelven recibirá deste un pomar de agasallo. Mais nesta montaxe, os límites confúndense: a noite fúndese co día, a morte, coa vida e o drama, coa comedia.
A posta en escena –asinada por Gonçalo Guerreiro, da compañía Elefante Elegante– ten vocación contemporánea e mestura conscientemente os xéneros: a interpretación coa danza e as linguaxes non verbais co texto, escrito por Fernando Dacosta. Elena Seijo, Fernando Dacosta, Fran Lareu, Fina Calleja e Sabela Gago protagonizaron unha montaxe na que participou un equipo de máis de vinte persoas.