sábado. 20.04.2024
Concellos

Concentracións no Barco e na Rúa contra o triple «feminicidio»

No Barco, Petín e

Trives gardouse un minuto de silenzo en repulsa  polos tres asasinatos

Asociacións de mulleres da comarca emprazan aos valdeorreses, para esta tarde do 18 de novembro, a partires das 20:00 horas as concentracións diante dos concellos do Barco e da Rúa. Esta convocatoria está impulsada polas plataformas feministas de todo Galicia. Un total de 47 poboacións adheríronse estes chamamentos en repulsa aos tres asasinatos e contra o feminicidio. «Basta de feminicidios, o machismo mata!», e a consigna a seguir.

Cartel coa hora e lugar onde se convocan as concentracións en Galicia

Os veciños e membros das corporacións do Barco e Petín congregáronse onte, ás 12:00 da mañá na porta dos seus respectivos concellos. Os asistentes romperon a aplaudir ó rematar o minuto de silenzo. No Concello da Pobra de Trives a hora elixida foi as sete da tarde.

«Esta lacra por desgracia continúa, é labor de todos loitar contra ela desde a educación. Hai xente que segue admitindo que o machismo forma parte da nosa vida, creo que hai que seguir loitando contra isto»,  foron algunhas das palabras pronunciadas por Aurentino Alonso, alcalde en funcións do Barco. Neste Concello existe desde novembro de 2018 un espacio permanente contra a violencia de xénero.

Concentración do Barco onde se pode ver ó alcalde en funcións e bo número de concelleiros

Se queres escoitar

e ver o que aconteceu na concentración do Barco no seguinte vídeo, tes a

información:

En Petín  a alcaldesa, Raquel María Bautista, tamén tomou a palabra  ao remate do minuto de silenzo para dar grazas aos veciños que se congregaron as portas do Concello e para facer constar a súa profunda repulsa ante o triple asasinato.

A alcaldesa de Petín e os veciños aplaudindo ó remate do silenzo

Patricia Domínguez, alcaldesa de Trives, despois de pronunciar as palabras de repulsa contra o asasinato levou unha planta de cor violeta a praza onde a asociación de mulleres Anaral  colocou unha estrutura na que deixan unha maceta cunha planta deste tipo cada vez que se produce un asasinato por violencia de xénero. Tres rosas brancas —unha por cada unha das mulleres asasinadas en Valga— tamén foron colocadas ao pé do muro.

Muro onde colgan as prantas moradas no concello da Pobra de Trives

O triple asasinato de Valga

O triple asasino confeso de Valga, matou cun revolver a súa ex sogra, ex cuñada e a súa ex muller, ante os seus fillos de catro e sete anos.  Quince tiros que deixan dous orfos, tres familias rotas e moita indignación, repudia e desolación.


Concentracións no Barco e na Rúa contra o triple «feminicidio»