Unha multitude de xente para ver a Amistades Peligrosas en Sobradelo
As festas de Sobradelo na honra da Virxe da Encarnación foron multitudinarias, xa que a actuación estelar do grupo Amistades Peligrosas atraía a centos de persoas.
As festividades comezaban a mañá do pasado sábado 22, con alborada e pasarrúas "Airiños da Portela". A sesión nocturna inaugurábaa a orquestra "La Favorita" arredor das 21:30 horas, para logo dar paso á esperada actuación do grupo estrela, que estaba previsto que empezase ás 00:00 horas, pero non foi ata ben pasadas a 01:00 da madrugada cando deu comezo o concerto de Amistades Peligrosas, para logo volver a ceder os micros á orquestra "La Favorita".
O domingo 23 de abril de novo o pasarrúas e a sesión vermú a cargo do grupo Pándega abrían o segundo día de festa. Ás 17:00 horas comezaba o esperado tren das festas, que recorreu a Praza da Estación ata o pavillón de deportes, onde se instalou unha pista de xeo, hinchables e minigolf, que continuarán dispoñibles ata o vindeiro 28 de abril.
As festas de Sobradelo deste 2017 remataron este luns 24 de abril, que iniciaba o pasarrúas da man da charanga "Terras do Bibei", para continuar, ás 12:30, coa procesión da virxe pola localidade, seguida dunha misa solemne, e sesión vermú de novo coa charanga "Terras do Bibei". A continuación sesión de tarde coa orquestra "Jerusalén", pero xa sen verbena.