Maribel Campos: «Estamos encantados e moi orgullosos da resposta da xente»

As IX Xornadas de Teatro da Rúa clausuráronse hoxe, 30 de decembro, coa obra «A Voda do Esganarello» do grupo teatral A Ruada —organizadores das xornadas—. Estas xornadas estiveron marcadas polos cambios que o público agradeceu.

Moitos afeccionados ao teatro achegáronse ao Centro Cultural Avenida para desfrutar da derradeira obra das xornadas. A Voda do Esganarello está baseada na obra de Molière «Le mariage fatal», adaptada polos compoñentes de A Ruada «ao seu xeito», segundo nos contou Maribel Campos, unha das compoñentes do grupo antes do comezo da obra.

Seis representacións foron as que se levaron a cabo nestas Xornadas memorial Tito Macías que comezaron o 18 de novembro coas obras de Candea de Viana «O diñeiro o mellor compañeiro» e «Os Vilachá».  Este ano as xornadas segundo nos contaba Maribel a piques de saír a escena, houbo moitos cambios e estes foron ven acollidos polo público que foi, unha tras outra a cada representación. «Foi un experimento novo. Cambiamos de data, cambiamos de día e cambiamos de horario. Foi xenial, é inverno non tes a onde ir e viñéronse ao teatro», así o contaba Maribel.

Nas anteriores edicións das xornadas as representacións facíanse en maio e xuño, e o día da semana elixido era o sábado. O cambio animou máis ao público e houbo maior asistencia nesta última edición. A este respecto Maribel sinalaba: «Estamos encantados. Moi orgullosos de como respondeu a xente. Agradecidos para o público. Isto é o que é, sen o público non pode haber este tipo de actos e menos o teatro. Estamos moi contentos».

Estas xornadas organizadas pola Asociación Cultural de Teatro A Ruada, coa colaboración do Concello da Rúa y a agrupación de música tradicional Abertal —dous dos seus compoñentes foron os encargados de presentar a actuación, non sen antes tocar unha peza coas súas gaitas—.