Máis de 400 persoas degustaron a empanada de costrelas na Rúa Vella
O menú estivo composto por sopas de allo, empanada de constrela e torta de roxóns acompañada de viños da Cooperativa da Rúa, café e licores
A décimo oitava Festa da Costrela, na que a protagonista é a empanada con recheo de costrelas de porco adobadas, celebrouse no campo de San Roque da Rúa Vella. Este ano incrementou en máis de 100 o número de comensais. Pasaron de 400 as persoas que se diron cita nesta edición, fronte as 300 que o pasado ano xantaron na carpa habilitada para tal menester.
O menú estivo composto por: sopa de allo, empanada de costrelas —o prato estrela da festa— e torta de roxóns, todo iso acompañado de viño, café e licores. Trala comida os asistentes puideron facer a dixestión ao ritmo da discoteca Danzalia.
Sesenta empanadas da Panadería Lorenzo, situada nesta parroquia da Rúa, acompañadas co viño da Cooperativa Virxe das Viñas fixo relamer ós asistentes.
A festa suma xa 18 edicións, e ano tras ano vai gañando adeptos. O tempo axudou neste 28 de decembro, no que as chuvias da semana pasada diron paso a un sol que invitaba a saír.
Tralo xantar, que se fai para recadar fondos para financiar a festa do San Roque na parroquia de Santo Estevo, vendéronse rifas e camisetas.
Esta festa supón o último evento gastronómico da comarca antes de que remate o ano 2019. A finais de xaneiro o protagonista será o codillo na festa que se celebra no pavillón do Aguillón na Rúa.
A empanada de costrelas era o xantar típico nas matanzas de antano, o día no que se embutían os chourizos. Está feita con costrelas adobadas con allo, pementón, ourego, e sal. Normalmente botábanse as costrelas que se tiñan para facer androllas e pigureiros.