O Barco volveu a celebrar o Botelo con éxito
O pai de todos os botelos reuniu a 1.150 persoas neste chuvioso 19 de xaneiro, no Pavillón de Calabagueiros.
Nun recinto onde estaban todas as entradas esgotadas dende o propio día do comezo da venda, os comensais degustaron Botelo con patacas cocidas e repolo, bica, torta de roxóns, café e licores. Nesta décimo novena edición a principal atracción estivo no humorista Roberto Vilar, quen non dubidou en facerse fotos con todo aquel que llo pedía.
Despois da comilonada para baixar o bandullo tivo lugar un baile no propio pavillón amenizado polos grupos dos cantos de taberna. Tamén no campo da festa non faltou a troula, a música e o baile cun coñecido programa de televisión da canle autonómica de Galicia. Os bares continuaron até ben entrada a noitiña, de novo, coa música dos grupos dos cantos de taberna os cales son: Corenta e Chinco Boys e Os Somontanos de Pobra do Brollón, Os Palletas de Quiroga, Os Tabernícolas de Viana do Bolo, Foliada de Bosende, da aldea do mesmo nome situada cerca de Lugo, Os do Venres, que chegaron desde Madrid, e da que forman parte os irmáns Eceiza Rodríguez, de orixe valderresa, e finalmente, Os Parrandas de O Barco e comarca.
Estes grupos tocaron sen inmutarse da incesante choiva que non estropeou unha Festa do Botelo que cada vez ten máis adictos.